O DOG PUBLICA A CONVOCATORIA DO PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DE AXUDAS CORRESPONDENTES AO PROGRAMA ESTATAL DE AXUDAS PARA ACTUACIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN PEME E GRANDE EMPRESA DO SECTOR INDUSTRIAL

O prazo de presentación das solicitudes, que se tramitarán por vía telemática, estará aberto desde o 12 de setembro deste ano ata o 31 de decembro de 2020.

22/08/2019

A iniciativa, enmarcada no Programa estatal de axudas para actuacións de eficiencia enerxética en peme e gran empresa do sector industrial, conta cun orzamento de 16,1M€ e está financiado polo Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética e polo Feder. Os interesados poden presentar proxectos tanto para a mellora da tecnoloxía en equipos e procesos industrias como para a implantación de sistemas de xestión enerxética. Contémplase unha axuda máxima dun millón de euros por proxecto que poder chegar aos dous millóns no caso daquelas actuacións que xustifiquen a consecución de elevados niveis de aforro enerxético. En todo caso, a axuda máxima por empresa, que pode presentar máis dunha solicitude, será de cinco millóns de euros.

O prazo de presentación das solicitudes, que se tramitarán por vía telemática, estará aberto desde o 12 de setembro deste ano ata o 31 de decembro de 2020. Trátase dunha convocatoria de concorrencia non competitiva polo que os fondos se repartirán por orde de chegada. Desde a concesión, as empresas disporán de 24 meses para executar os proxectos.

Con esta convocatoria, a Xunta prevé reducir os custos enerxéticos da factura das empresas en 7,28M€ ao ano mellorando, deste xeito, a súa competitividade. Ademais do aforro económico e enerxético, agárdase unha redución das emisións do CO2 de preto de 25.000 toneladas anuais, é dicir, o equivalente á acción de 1,25 millóns de árbores.