O Concello de Arteixo comenza a execución dos proxectos de mellora das infraestruturas no Polígono de Sabón

As obras, incluidas no Convenio de Traspaso do Polígono firmado entre o Concello de Arteixo e a Deputación Provincial da Coruña suporán o investimento no Polígono de Sabón de 6,5 millóns de euros

20/08/2015

O convenio de traspaso entre a Deputación da Coruña, promotora do Polígono de Sabón nos anos 60, e o Concello de Arteixo foi asinado a finais do pasado ano. O acordo, non só supuxo un troco na titularidade, senón que leva aparellada financiación para unha serie de obras de mellora que servirán para levar a cabo un completo saneamento das infraestruturas do Polígono.

En total, máis de 6 millóns de euros que deberán estar executados no 2017 e que se empregarán en renovar o abastecemento da auga (3 millóns), o saneamento (300.000 euros), o alumeado (algo máis de medio millón), pavimentos (uns 830.000 euros) e as zonas verdes (case 850.000 euros).

En canto ós viais, o plan de investimento da Deputación prevé cubrir case todas as taxeas, despois de cambiar a canalización de pluviais, co que se gañará espazo para vehículos e peóns. Parte dese diñeiro tamén se destinará á substitución do sistema de alumeado nas vías por outro de baixo consumo.

Estas melloras únense á posta en funcionamento da Glorieta de Seixedo a dobre altura, acceso principal ó Polígono, que supuxo o investimento de 10 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, con aportacións da Deputación da Coruña e o Concello de Arteixo e tamén do desdobramento da Avda. Deputación, principal arteria de circulación, que pasou a ter dobre carril de entrada.

En canto ás zonas verdes, diseñouse un cinto peatonal que rodea o Encoro de Rexedoiro, de interese natural, cunha ramificación de sendas e pequenas zonas de esparcemento.

As melloras no abastecemento da auga suporán a solución a un problema histórico. Do investimento de seis millóns de euros por parte da Deputación, un tercio será destinado a financiar unha nova infraestrutura de auga. A remodelación da canalización da auga custará 4,5 millóns. Ós dous da Deputación, engádense outros dous que achega o porto exterior e medio millón máis que achega o Concello.

A Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón participa nunha comisión creada para a supervisión destes proxectos.