Entrega de premios do concurso “Atrévete a ter unha idea”, dentro do Plan Eduemprende da Consellería de Educación

A Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón foi a entidade de referencia na área de A Coruña

06/06/2016

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, apostou hoxe por reforzar a cultura emprendedora na escola, promovendo a innovación e a creatividade dos nenos e nenas, e favorecendo tamén o contacto directo do alumnado co tecido produtivo que os rodea. Estes tres eixes forman parte dos obxectivos que persegue o programa ‘Atrévete’, desenvolto pola Consellería para estimular o espírito emprendedor dos estudantes desde idades mozas, posto que se trata dunha iniciativa orientada a 5º e 6º de educación Primaria e a 1º e 2º de ESO.

Con motivo da entrega de premios do certame ‘Atréve a ter unha idea!’, posto en marcha ao abeiro do dito programa, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu o traballo dos alumnos e alumnas premiados –que estendeu a todos os participantes na actividade– e a implicación do profesorado, así como das familias e das empresas colaboradoras por contribuír á formación dos mozos e mozas. Trátase, en palabras do conselleiro, dunha mostra de traballo conxunto para fortalecer o emprendemento desde as aulas.

Ademais do conselleiro, na entrega de premios tamén participou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira.

O programa ‘Atrévete’ ten dúas partes. Por un lado organízanse visitas a empresas e a asociacións de empresarios, para o alumnado de ESO, e visitas a CIFP –onde un empresario da zona ofrece unha conferencia aos asistentes– para os estudantes de Primaria. A maiores desta experiencia, a segunda parte do ‘Atrévete’ consiste en buscar unha idea de negocio e redactala como máximo en dous folios. Precisamente, os galardóns que hoxe se entregaron recoñecen as mellores propostas deste curso en cada zona.

Deste xeito, na área da Coruña resultaron galardoados José Luis Martínez Rojo, do CEIP Xesús San Luís Romero, de Carballo; e Clara Brage Amado, do CPI Plurilingüe Virxe da Cela, de Monfero, ámbolos dous da categoría de 6º de Primaria. Na de 2º de ESO recolleron o seu premio Juan Vázquez González, do CPR Plurilingüe Andaina, de Culleredo; e Martín Regueiro Golán, do CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda. Nesta área, a iniciativa contou coa colaboración do CIFP Someso e da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón-Arteixo e coa participación de 11 centros educativos.