Clausura do Programa “Atrévete”

A Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón estivo presente tras ter participado activamente en dito programa ao longo dos seis primeiros meses do 2015

19/06/2015

O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou o pasado martes 16 de xuño na clausura do programa ‘Atrévete’, unha iniciativa da Xunta de Galicia para fomentar, motivar e sensibilizar ao alumnado de primaria e ESO no espírito emprendedor e no que participou a Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón . No acto, celebrado na Cidade da Cultura de Galicia, se entregaron tamén os premios do certame “Atrévete a ter unha idea”.
O obxectivo deste programa, no que participaron este ano máis de 2.000 escolares de 6º de Educación Primaria e 2º de ESO, foi dar a coñecer ao alumnado directamente e a través do profesorado o tecido industrial da súa contorna, en concreto as empresas das diferentes asociacións empresariais colaboradoras, e sensibilizar á comunidade educativa da importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora. A iniciativa enmárcase no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia “Eduemprende”, e en concreto no ámbito da colaboración entre a Consellería e diferentes asociacións empresariais en prol do impulso da cultura emprendedora entre o alumnado e darlle a coñecer ao tecido empresarial da súa contorna.

O programa ‘Atrévete’ estruturouse en dous tipos de actividades; por unha banda as xornadas de fomento do emprendemento, con visitas a empresas (no caso do alumnado de 2º de ESO) ou cunha charla cun empresario (no caso do estudantes de 6º de Primaria); e por outra o concurso ‘Atrévete a ter unha idea’. O certame ía dirixido a todo o alumnado participante no programa e consistía en que o estudante presentase unha idea de negocio, redactada como máximo en dous folios, que lle xurdira froito desta experiencia.

Tras a valoración do xurado, o martes 16 de xuño entregáronse os galardóns ás mellores propostas de cada curso en cada unha das áreas da Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, nas que se desenvolveron as actividades.
Así, na área da Coruña, na categoría de 6º de Primaria resultaron galardoadas Karina Rojo Manteiga e Marta Camafeita García, ambas do CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo); mentres que en 2º de ESO foron premiados Fabio Ferreiro Bestilleiro e Antía Pereiro Barreiro, ambos do CEIP Plurilingüe O Cruce (Cerceda). O desenvolvemento do programa nesta área contou coa colaboración do CIFP Someso e da Asociación de Empresarios de Polígono de Sabón-Arteixo, e participaron 14 centros de ensino.