A Xunta pon a disposición dos emprendedores a posibilidade de adquirir solo industrial mediante a concesión de dereitos de superficie

Feijóo sinala que a Xunta dá así un paso máis no obxectivo de dar as maiores facilidades a quen queira investir en Galicia e contribuír a que o solo industrial sirva para o que foi creado, que é para producir riqueza e Emprego

11/11/2015

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta vai poñer a disposición dos emprendedores a posibilidade de adquirir solo industrial máis accesible, mediante a concesión de dereitos de superficie.
Como explicou, isto significa poñer solo industrial a disposición de todas aquelas empresas interesadas en instalarse en Galicia e nas mellores condicións que o mercado poida ofrecer, sen necesidade de realizar un investimento na adquisición do mesmo. Isto é, en réxime de dereito de superficie cun canon anual desde 38 céntimos por metro cadrado.
Deste xeito, como matizou o titular da Xunta, os adxudicatarios dos dereitos de superficie poderán construír as instalacións necesarias e desenvolver o seu proxecto empresarial nas parcelas que lles correspondan a cambio dun canon anual, equivalente a unha porcentaxe do prezo de venda da parcela, e que será un mínimo de 38 céntimos ao ano por metro cadrado e un máximo de 2,28 euros ao ano por metro cadrado. As parcelas continuarán sendo propiedade da Administración.
Segundo Feijóo, a Xunta dá así un paso máis no obxectivo de dar as maiores facilidades a quen queira investir en Galicia e contribuír a que o solo industrial sirva para o que foi creado, que é para producir riqueza e emprego.
As condicións da concesión de dereitos de superficie
Máis polo miúdo, o máximo responsable autonómico subliñou que, no que respecta ás empresas, aquelas que opten á adxudicación de dereito de solo deberán obter a declaración de proxecto singular, que terán no caso de que se dean certas condicións: ou ben un investimento que deberá superar os 8 millóns de euros ou ben a creación de 20 ou máis postos de traballo.
No prazo máximo de tres anos, os adxudicatarios deberán ter edificadas as súas instalacións e obtida a licenza de actividade, co obxectivo de garantir que os investimentos e a creación de postos de traballo se realizan no prazo máis curto posible.
Como advertiu o presidente, o incumprimento desta condición suporá a resolución do dereito de superficie ou o pago polo adxudicatario dunha indemnización por importe igual ao canón de cinco anos.
No que se refire ao custe, Feijóo apuntou que o canon do solo partiría de 38 céntimos ao ano por metro cadrado. E, en todo caso, a previsión de pago do canon sería o seguinte: 1 ano de carencia, se se solicita; 1,5% do prezo de venda da parcela nos dous seguintes anos; 2,5% do prezo de venda da parcela nos dous seguintes anos; 3,5% do prezo de venda da parcela no resto do período de vixencia da concesión.
En canto ás posibilidades da concesión, durante os dez primeiros anos os adxudicatarios poderán exercitar o dereito de compra das parcelas, aplicándose o prezo non bonificado das mesmas e descontando unha parte do pagado en concepto de canon.
Nesta liña, o responsable do Goberno autonómico indicou que o prego establece que o prazo de vixencia do dereito de superficie será de 30 anos, prorrogables ata un máximo total de 60 anos por acordo entre as partes. Transcorrido o período de vixencia do dereito de superficie, a plena propiedade do solo, do subsolo e das edificacións construídas, reverterá na Administración.
“En definitiva, o problema do solo industrial en Galicia deixa de selo para converterse nunha oportunidade para instalarse na Comunidade Autónoma”, apuntou Feijóo. E isto é así non só coas bonificacións que xa estaban vixentes no caso de que queiran adquirir a parcela, senón tamén poñendo a súa disposición tamén unha posibilidade certamente moi vantaxosa, que é o dereito de superficie a cambio dun canon anual desde 38 céntimos céntimos de euro por metro cadrado ao ano a 2,28 euros como máximo.
Con respecto a isto, o titular da Xunta salientou que se trata da “aposta máis ambiciosa feita por un Goberno autónomico en Galicia desde o principio das súas competencias”. Así mesmo, indicou que serán dous millóns de metros cadrados de solo industrial os que se poñerán a disposición das empresas.