A FUAC presenta a súa primeira sondaxe sobre innovación no tecido empresarial, que contou en 2017 coa participación de 324 pemes

Celebrouse unha xornada de presentación dos principais resultados obtidos ás asociacións de parques empresariais aberta polo reitor da UDC no Pazo de Lóngora.

22/01/2018

A Fundación Universidade da Coruña (FUAC), no seu papel de axente na transferencia de coñecemento, vén de realizar a súa primeira sondaxe sobre avisión xeral que o tecido empresarial ten da innovación. A enquisa, aberta á colaboración empresarial entre agosto e decembro de 2017, contou cunha moi boa acollida pechándose con 324 empresas participantes, que trala validación dos datos recibirán un informe personalizado xunto a unha visión global dos resultados do estudo.
A iniciativa desenvolveuse baixo a filosofía Open Data e progresivamente a FUAC dará acceso aos resultados e informes a través da súa web ou APP dun xeito gratuíto. Así, tras esta primeira sondaxe, a Fundación organizou onte unha primeira xornada de presentación e reflexión sobre innovación empresarial que foi aberta polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e na que participaron as asociacións de empresarios dos polígonos empresariais de Agrela, Bergondo, Pocomaco, Sabón e Ferrol.
Na xornada, celebrada no Pazo de Lóngora, abordouse o clima para o desenvolvemento da innovación no tecido empresarial, o papel das persoas, a eficiencia enerxética ou conceptos vinculados á Industria 4.0, como a importancia da Ciberseguridade.

Resultados da enquisa
Entre as principais conclusións extraídas das respostas das 324 entidades participantes nesta primeira sondaxe destaca que o 43% considera que a súa continuidade no mercado estaría “altamente comprometida” de non desenvolver actividade innovadora, ou que so un 34% das empresas desenvolve esta importante función dun xeito sistemático e planificado. Respecto ás persoas, maniféstase como principal necesidade a formación en aspectos técnicos, sendo “imprescindible” para o 53% das empresas.
O estudo tamén aborda a actividade innovadora a través da Industria 4.0, destacando liñas
coma o IoT (Internet das Cousas), o Big Data e a Ciberseguridade. Finalmente, dende o punto de vista das oportunidades de mellora, o 75% das empresas sinala como “moi necesario” ou “imprescindible” mellorar a súa xestión de proxectos, incluíndo a incorporación de persoal especializado.

Colaboración Universidade-Empresa
Na enquisa abórdanse ademais as necesidades para o desenvolvemento da innovación, destacando entre outros aspectos de carácter técnico a importancia da cooperación ou as dificultades de financiamento. Así, o 23% das empresas sinala como principais factores de impulso aos seus proxectos de innovación o acceso a financiación pública e a cooperación con clientes e con centros tecnolóxicos e/ou universidades, sendo a procura de proxectos conxuntos “clave” no 69% das entidades.