A Asociación de Empresarios na entrega de premios do Programa Atrévete

Esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura e Educación, ten como obxectivo fomentar a cultura do emprendemento desde as aulas

20/06/2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega dos premios do programa Atrévete, que ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor entre os estudantes de ensinanza primaria e secundaria de toda Galicia. Nun acto celebrado no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia o titular do departamento educativo da Xunta salientou que a Consellería, a través do Plan Eduemprende, está fomentando desde as aulas, desde a base do sistema educativo, a cultura do emprendemento e unha sociedade receptiva ás melloras.

Neste sentido, explicou que a finalidade destes premios é recoñecer o esforzo, a iniciativa, a creatividade e a autonomía persoal do alumnado, “un recoñecemento ao voso trunfo como alumnos, pero tamén como persoas”. Así mesmo, quixo felicitar ás familias, ao profesorado e a todas as persoas que fan posible o programa Atrévete pola súa implicación. Román Rodríguez quixo, ademais, destacar a participación das empresas neste programa, que vai medrando – o ano pasado participaron 6 asociacións empresariais, nesta edición 10-, e que supón o seu interese en colaborar na mellora do sistema educativo.

Atrévete está dirixido ao alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria e de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria de todos os centros sostidos con fondos públicos. Ao abeiro deste programa leváronse a cabo xornadas de fomento do emprendemento para os rapaces de ESO, que incluíron visitas ás sedes das empresas e das asociacións empresariais colaboradoras. Ademais, os centros de primaria seleccionados recibiron a visita dun empresario que lles narrou a súa experiencia como emprendedor.

Galardoados
No marco deste programa convocouse un ano máis o concurso Atrévete a ter unha idea!, no que o alumnado debía presentar de xeito individual unha boa idea de negocio, explicada nun máximo de dous folios. Os galardoados recibiron un lector de libro electrónico como premio. A Consellería outorgou dous premios por cada categoría – primaria e secundaria e FP- e por cada convocatoria territorial do certame.

Os traballos seleccionados pola Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón-Arteixo son:

En Primaria, Ignacio Spósito Rivero, do CEIP Celso Emilio Ferreiro (Cerceda) e Ángela Rodríguez Gómez, do CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda)
En Secundaria, Iván González Lorenzo, do CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda) e Mar Brea Gauteir, do CPR Plurilingüe Andaina (Culleredo)